Friday 29 de March de 2024

O Concello de Brión lanza unha campaña informativa entre a veciñanza sobre como previr a avespa velutina


 

O Concello de Brión vén de lanzar unha campaña para informar á cidadanía sobre a avéspora velutina, unha especie de nespra invasora que está a poñer en perigo a apicultura e os ecosistemas completos do país, e polo tanto, a estabilidade económica das explotacións. “Loitar contra esta ameaza é unha tarefa nada doada pero totalmente necesaria. Entre todas e todos podemos, mediante accións simples, frear este crecente problema. O trampeo é capaz de reducir o número de niños da zona ata nun 40%, sempre que se utilice unha técnica do trampeo axeitada”, explica o alcalde, José Luís García.

Despois de celebrar unha charla formativa o pasado 23 de marzo, o Concello de Brión divulgou un documento informativo entre a veciñanza a través do portal web municipal e a súa conta en Facebook, así como nos distintos carteis anunciadores ao longo do municipio nos que se explica como facer trampas caseiras e atraentes, dependendo do mes no que esteamos.

Trampa

Así, o modelo de trampa proposto elabórase con catro botellas de plástico: unha enteira e as outras tres unicamente co terzo superior da botella. Sobre a botella principal, que é onde se verte a mestura atraente, levará uns buratos na parte superior de 5 milímetros como saídas para insectos de menor tamaño ca velutina e irá pendurada dun cordel. Sobre esta botella colocarase un terzo doutra botella, que evitará a entrada da auga da choiva e faranse dous buratos laterais, por onde entrarán os outros dous terzos de botella cos seus correspondentes tapóns, con tres buratos de 9 milímetros de diámetro, que será por onde entren as avespas.

En canto aos atraentes, se na primeira quincena de marzo se recomendaba zume de arandeiras e na segunda mesturar este zume con cervexa negra, na primeira quincena de abril recoméndanse tres mesturas diferentes: 70% zume de arandeiras e 30% de cervexa negra; cervexa negra cunha cullerada sopeira de mel con vinagre; ou 70% de zume de arandeiras, 30% de viño e media cullerada de fermento.

Os mellores lugares para colocar as trampas ata o 15 de abril serán os salgueiros, valendo tamén as camelias, árbores froiteiras, cerdeiras en flor, maceiras e loureiro real. As trampas colocaranse a 1,5 metros de alto e outras a 3 metros, recomendándose colocalas no lado sur da árbore.

Para a segunda quincena do mes de abril mantéñense as recomendacións dos atraentes, se ben tamén se recomenda empezar a colocar trampas preto de regatos ou ríos, pois son días nos que as raíñas de velutina buscan sitio para facer o niño secundario. Unhas prácticas que se manterán durante os meses de maio e xuño, mes a partir do que se retirarán estas trampas pois deixan de ser eficaces.

Durante o 2018, o Grupo de Emerxencias Supramunicipal de Brión retirou 403 niños de velutina no municipio, aos que hai que engadir os 34 retirados nos dous primeiros meses de 2019. Así mesmo, o ano pasado tamén retiraron 198 en Negreira e 93 en Noia, municipio do que só están contabilizados os 6 primeiros meses de 2018, xa que dende entón contan con pértegas e os niños son retirados por Protección Civil Noia.